Sábado. 27.07.2024

O Concello da Baña demanda unha solución para seis menores que quedaron sen praza no Punto de Atención á Infancia (PAI). O municipio conta con 20 prazas no centro que atende a menores de 3 anos; 10 están ocupadas por renovacións de matrícula, unha queda en reserva para posibles emerxencias sociais e, para as 9 restantes, a administración local recibiu 15 peticións de familias da Baña, ademais de 5 doutros municipios.

Segundo a tenente de alcalde e concelleira de Acción Social, Mónica González, sería necesario ampliar o edificio ou habilitar outro local para unha casa niño. “Na Baña non temos sitio, e nos concellos limítrofes tampouco hai prazas libres”, engadiu a edil, solicitando á Xunta que solucione este grave problema e habilite fórmulas que permitan atender, polo menos, as necesidades do propio municipio.

PA concelleira subliñou que, para asentar poboación no rural, son precisos servizos esenciais como o do PAI para que as familias poidan conciliar; e avanzou que nos vindeiros días convocarase unha reunión coas familias afectadas para intentar buscar unha solución.