Sábado. 27.07.2024

O concello ourensán de Allariz xa dispón de cobertura de fibra óptica ata o fogar (FTTH) en máis de 7.500 fogares e empresas que poden gozar dende este momento dos servizos máis avanzados de telecomunicacións coa tecnoloxía máis rápida do mercado.

A cifra de inmobles conectados á rede de R incrementouse recentemente en Allariz —e en máis dun cento de municipios do territorio— grazas ao acordo do operador co grosista tamén galego de fibra óptica ‘Rede Aberta’.

Froito desta alianza uns 2.000 inmobles dos núcleos de Allariz, Augas Santas, Folgoso, Meire, Os Espiñeiros, Queiroas, Requeixo de Valverde, San Mamede de Urros, Santa Baia de Urros e Santo Estevo sumáronse á infraestrutura de R, co que a poboación destas zonas tamén disporá de accesos ultrarrápidos a Internet de ata 1 xiga simétrico (subida e baixada), dunha cobertura óptima nos fogares —ao chegar a fibra ata as súas vivendas— e dunha maior capacidade de navegación con varios dispositivos á vez. Todo iso unido aos servizos de wifi 6 e tele con deco Android 4K sen custo adicional.

O acordo de R con ‘Rede Aberta’ permitirá cubrir aproximadamente 70.000 novos inmobles que se conectan agora á infraestrutura do operador galego e levar a alta velocidade coa fibra máis rápida a recunchos de Galicia en núcleos rurais dun cento longo de municipios do territorio.

A intención é ampliar ao máximo a cobertura de banda larga en todos os recantos da comunidade galega.