Luns. 29.04.2024

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou o anuncio da aprobación inicial do Plan Parcial do SUND 12, sometendo así a exposición pública o dito proxecto do parque industrial e comercial situado na zona da Ramallosa.

A partir de agora suspéndense -por un período de dous anos- o outorgamento de licenzas de parcelación de terreos, edificación e demolición no ámbito do citado plan parcial. Unha vez concluída a fase de exposición pública e recibidos os informes sectoriais, será necesario valorar as alegacións que puideran presentarse antes de someter o plan ao ditame de aprobación definitiva.

Este proxecto plantea o desenvolvemento urbanístico de máis de 15 hectáreas de terreo - industrial e terciario- na Ramallosa, aos dous lados da estrada autonómica AC-841, para a construción dun polígono cun deseño de escaparate cara a estrada. Ademais, inclúese a reserva de solo para dispoñer dun aparcamento de 144 prazas próximo ás paradas de autobús e 2,85 hectáreas de zona verde.

Prevese expropiar 115.309 metros cadrados, unha superficie que no inicio do expediente estaba dividida en 43 parcelas pertencentes a unha trintena de propietarios. A notificación a estas persoas fíxose a través da publicación do anuncio no Boletín Oficial do Estado.