Venres. 03.05.2024

O Partido Popular de Melide denunciou  a falta de apoio municipal ás comisións de festas parroquiais. Neste sentido, incidiron en que o tripartito local prometeu durante a campaña electoral municipal unha axuda de 1.500 euros por comisión de festas durante a anualidade de 2023, compromiso incumprido pola executiva.

Segundo Dalia García, portavoz do grupo popular, trátase de subvencións nominativas que deben ser explicitamente nomeadas nos orzamentos municipais. “Estes atópanse prorrogados, xa que no ano 2023 non se contemplaron, a pesar de que se puideron facer modificacións”. A voceira engadiu que “no que vai de 2024 a traza é a mesma, a do engano por parte da alcaldía”.

Neste sentido, os populares critican que, segundo informan algunhas comisións, o anterior goberno local bipartito asegurou ás entidades que contarían con 1.500 euros para organizar os festexos locais. Nese momento, o PP melidense advertira que non había adxudicado ningún soporte orzamentario para cumprir a promesa. Como consecuencia, algunhas comisións confiaron no goberno local e adiantaron os cartos, pero non recibiron dita partida de axuda, provocando “situacións nada desexables para os voluntarios e voluntarias que intentan dar vida ao rural melidense venerando as tradicións”.

No tocante á situación administrativa e económica do municipio, os populares descríbena como “absoluto desastre”, xa que Melide non ten un orzamento aprobado en tempo en forma por terceiro ano consecutivo. “Nada sabemos sobre as subvencións ás comisións parroquiais, ás que se lles obrigou a constituír unha asociación e agora quedaron abandonadas á súa sorte”, denunciou Dalia García.