Domingo. 28.04.2024

A Xunta de Galicia ofreceu a súa colaboración ao Concello de Ares para poñer solución ás deficiencias no colector do sistema de saneamento que atravesa a praia do núcleo urbano do municipio. Así pois, a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade púxose en contacto co Concello en canto se  detectou a problemática no funcionamento do colector. Este foi entregado ao municipio no ano 2014, no marco das actuacións autonómicas para mellorar o saneamento de Ares, valoradas en 30 millóns de euros.

Neste sentido, a Xunta, a través de Augas de Galicia, comprometeuse a financiar as actuacións precisas no 80%, mentres que a administración local deberá asumir o 20% restante. Así mesmo, será competencia do Concello de Ares declarar as obras de emerxencia, proceder á súa execución e posterior mantemento. Con todo, o compromiso de colaboración entre os entes autonómico e local quedará plasmado nun convenio que recolla o reparto de tarefas a asumir por cada parte.

Para facilitar e axilizar o trámite, a Xunta de Galicia puxo a disposición do goberno municipal modelos e documentación de procesos similares. Finalmente, a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade salientou o seu compromiso de apoio aos concellos para que poidan exercer eficiente e responsablemente a súa competencia de saneamento, abastecemento e depuración para proporcionar un servizo de calidade á cidadanía.