Luns. 29.04.2024

O Concello de Ferrol e a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade asinaron un convenio de colaboración para o mantemento da casa de acollida para vítimas de violencia de xénero. Este documento, firmado a través da Secretaría Xeral de Igualdade, establece as bases reguladoras e as condicións polas que se rexerá o financiamento de gastos correntes derivados do funcionamento do servizo.

A casa de acollida, que actualmente atende a catro mulleres e seis menores, ten como finalidade proporcionar aloxamento, manutención e atención integral ás mulleres vítimas de violencia de xénero e as súas fillas e fillos, garantíndolles un espazo de protección e recuperación. O seu servizo é fundamental, segundo resalta o alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, xa que “só hai en funcionamento dous centros de acollida dependentes de concellos na provincia da Coruña, polo que é evidente o interese social e humanitario do labor desenvolvido por estes centros”.

Así mesmo, a Secretaría Xeral da Igualdade coincide na relevancia deste servizo, polo que estableceu unha colaboración económica de preto de 50.000 euros para gastos correntes no 2024. Ademais, neste importe pódense imputar os gastos de asistencia psicolóxica e/ou xurídica dirixidos ao tratamento e atención das mulleres acollidas no centro e aos seus fillos e fillas.