Luns. 29.04.2024

O Concello de Oroso iniciou unha intervención no centro de saúde do municipio para adecuar as instalacións á normativa vixente e garantir o confort no interior do edificio. Así pois, as actuacións consistirán na mellora da accesibilidade coa instalación de portas automáticas nos accesos ao centro. Ademais, tamén está prevista a posta en marcha dos recuperadores existentes para evitar a saída do aire quente ao exterior. A maiores, procederase á reparación e tratamento do revestimento de madeira nos patios interiores.

Ademais das obras para mellorar a infraestrutura do edificio, o centro de saúde tamén aumentou o seu persoal coa incorporación dunha traballadora social para mellorar e axilizar as tarefas de Servizos Sociais. Neste sentido, as principais áreas de intervención da profesional son a atención á infancia e adolescencia, a atención a persoas maiores, con discapacidade e en situación de vulnerabilidade e exclusión social e a promoción da igualdade e inclusión social.

O alcalde de Oroso, Alex Doval, celebrou a nova incorporación, matizando que permitirá aumentar a calidade do servizo e adiantando que esperan “poder seguir mellorando paulatinamente cada un dos servizos públicos”. Finalmente, o rexedor agradeceu á xerencia da área sanitaria por atender as demandas do concello.