Sábado. 27.04.2024

O Foro Edulab, laboratorio de ideas educativas, impulsado polo pedagogo Antonio Reyes, arrincou o pasado 22 de febreiro na sede de PREMIR en Santiago, con máis de 250 docentes interesados en coñecer as apps de moda nas aulas e analizar desde un punto de vista profesional e pedagóxico o alcance do uso das tecnoloxías na educación. A xornada destacou por un debate central que camiñou en torno ao uso consciente e pedagóxico da tecnoloxía na aula, fronte ao crecente movemento antipantallas. 

Este debate contou coa participación de Rubén Benet, docente e Professional Learning Lead Spain de Apple, quen defendeu a idea de que “a tecnoloxía, cando vai da man dun bo desempeño pedagóxico, non é unha distracción, senón nosa mellor aliada”. Unha perspectiva que foi o fío condutor dunha serie de intervencións que propiciaron múltiples opinións.

Un dos temas que xerou maior interese foi sobre se é un mito ou unha realidade o non uso das pantallas en Silicon Valley. Un debate que chegou ao seu punto álxido da man do pedagogo Roberto Rey que falou da escola Waldorf, un centro educativo no que os directivos de Silicon Valley levan aos seus fillos e no que non se usan as pantallas nin as TIC. 

Neste sentido, Elena Camiño, tamén pedagoga, precisou que esta escola ten un carácter máis simbólico que significativo, xa que se trata dunha agulla nunha palleira, nunha zona na que o 95% dos centros teñen totalmente implementadas as tecnoloxías da información e da comunicación.

O impulsor do Foro EduLab, Antonio Reyes, incidiu de forma moi especial na complementariedade dos métodos educativos ao afirmar que “é perfectamente compatible estar a facer caligrafía con caderno Rubio nunha clase e, na seguinte, ver o Sistema Solar en realidade aumentada”. 

Esta idea de complementariedade e equilibrio entre o tradicional e o innovador foi un dos piares da discusión e un resumo da idea xeneralizada compartida por todos os seus participantes. 

Pola súa banda, Martín Fernández, profesor de Bioloxía e Xeoloxía, afondou na importancia de adaptar o ensino ás novas formas de comunicación e expresión, unha afirmación que vén corroborar as conclusións deste primeiro encontro do Foro EduLab, e nas que coincidiron a maioría dos participantes que poñen en valor a importancia estratéxica das TIC na educación, e a necesidade dun enfoque crítico e reflexivo sobre a súa implementación nas aulas.