Sábado. 27.04.2024

O Partido Popular de Melide demandou ao goberno local un plan de mantemento dos edificios municipais tras detectar graves problemáticas debido ao “abandono do tripartito”. Dalia García, portavoz do grupo popular melidense, sinalou a existencia de “goteiras no edificio multiusos, baldosas rotas no centro social de Maceda, unha estufa nova fóra de funcionamento no centro social de Furelos, sucidade, cabichas e baldosas rotas na residencia da terceira idade que supoñen un risco para os nosos maiores”. A voceira criticou a “mala imaxe de abandono do patrimonio municipal” que transmiten estas deficiencias.

Neste sentido, os populares reivindicaron o “exercicio de escoita e análise das necesidades do concello” que realizaron para o seu programa electoral, no que salientaba un plan de mantemento dos edificios públicos. Máis en concreto, presentaron a opción de reconverter estruturas como o edificio multiuso en edificios eficientes mediambientalmente e “do século XXI”.

Dende o PP critican que a executiva local freara iniciativas orzamentadas durante a lexislatura popular, como o cambio de fiestras, no que finalmente non se investiu. Como  consecuencia, segundo anotan, nos corredoiros do multiusos tiveron que poñer cubos para recoller a auga das goteiras.

“É lamentable que nos atopemos cunha continua falta de atención ás infraestruturas municipais debido á falta de dilixencia na xestión mínima local”, lamentou a portavoz popular, engadindo que “se dilapidaron os aforros municipais e agora falla ata o máis básico”.