Domingo. 28.04.2024

O Concello de Ames aprobou de xeito inicial o orzamento para o vixente ano 2024, cunha contía de 32.568.424,74 euros, un 8,7% máis elevado que o de 2023. Tras o trámite inicial e a publicación no Boletín Oficial da Provincia da Coruña, abriuse un prazo de exposición pública durante 15 días hábiles.

A primeira votación do pleno extraordinario logrou os votos a favor dos oito concelleiros do PSdeG-PSOE, a abstención dos cinco edís do BNG e o voto en contra dos sete concelleiros do PP e a de Espazo Común. Tras unha repetición co mesmo resultado de empate, decidiu o voto de calidade do alcalde, quedando aprobado o orzamento.

Máis en detalle, a principal área de gasto pasa a ser educación, co 22,30% do total do orzamento. A continuación, a segunda área con maior gasto é benestar comunitario, co 16,80%; correspondendo a  terceira posición a servizos sociais e promoción social, que representa o 9,80% do orzamento total.

A concelleira de Servizos Económicos, Susana Señorís, incidiu en que o orzamento blinda as tres áreas máis importantes para a veciñanza, Servizos Básicos, Educación e Servizos Sociais, “con investimentos en infraestruturas básicas, tanto nos núcleos urbanos coma no rural, mellora nos servizos de conciliación, así como na atención dos nosos maiores e promoción da saúde”. A edil salientou tamén a creación da EPEL, a entidade pública empresarial Augas de Ames, a posta en marcha do plan de saúde mental e do plan de soidade cero, o servizo de mantemento de alumeado público, a creación de axudas a deportistas de base, a mellora na recollida do lixo e a posta en marcha dun plan de promoción turística.

“DECEPCIONANTES” PARA O PP

Pola súa banda, a voceira do Partido Popular, Oliva Agra, tachou os orzamentos de “decepcionantes e continuístas”. Segundo alegou, “a estimación de ingresos é demasiado optimista, se finalmente non se recadan os importes previstos haberá consecuencias para a estabilidade financieira do concello”. Como exemplo, sinalou que no capítulo 1 de impostos directos establécese que aumenta a recadación por IBI a 250.000 euros. Así, sinalou que neste ano Audasa non disporá da bonificación polo IBI da AP-9, polo que se recadarán 16.000 euros máis. O resto, segundo indicou, “235.000 euros que saen directamente do peto dos veciños de Ames”.

Así mesmo, a edil popular criticou a reducción de 1.100.00 euros do que se destina a benestar comunitario, de 300.000 euros da partida a servizos sociais e de 260.000 euros en comercio, turismo e pequenas empresas. Finalmente, Agra declarou que “claramente o desenvolvemento do comercio local non é unha prioridade para este goberno”.

“CONTINUÍSTA” PARA O BNG

En canto ao grupo do BNG, o seu voceiro, David Santomil, criticou que “o 85% do orzamento xa está comprometido entre o capítulo de persoal e o de gasto corrente”, engadindo que “hai que ter altura de miras e afrontar a negociación con diálogo e responsabilidade, pero tamén con transparencia”.

INSUFICIENTES PARA EA

No tocante a Espazo Común, a concelleira Luísa Feijóo tamén tachou o orzamento de continuísta. “Uns verdadeiros orzamentos de esquerdas non baixan a partida de acción social, nin permite que desapareza nominalmente a promoción da igualdade. Tampouco se incrementarían os prezos dos servizos e incluiría unha partida de participación. Este goberno confórmase con que Ames sexa un concello prestador de servizos”. A edil engadiu que “din que é o orzamento máis alto da historia de Ames, pero tamén é o máis caro para a veciñanza”, sinalando ademais grandes carencias como o plan de accesibilidade universal, o plan de arranxo de beirarrúas, as canles de participación, o departamento de promoción económica, ofertas de programación para a mocidade ou a área de igualdade.

Ante as críticas dos demais grupos municipais, o alcalde de Ames, Blas García, defendeu o orzamento como “solidario, social, equilibrado, responsable e sostible”, anotando que garante a mellora dos servizos e o benestar da veciñanza. Finalmente, ante as críticas de orzamento continuísta, o rexedor ironizou que “algún dos concelleiros e concelleiras que hoxe están aquí, e que tanto se queixan destes orzamentos, os aprobaron en sete ocasións”.