Xoves. 02.05.2024

Os Concellos de Brión e Ames iniciaron unha nova edición do programa integrado de emprego, no que participarán 100 integrantes, 20 de Brión e 80 de Ames. Estas persoas desempregadas formaranse nos sectores de comercio, almacén, ocio e tempo libre, turismo, idiomas e novas tecnoloxías.

O acto de apertura celebrouse no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns e contou coa presenza do alcalde de Ames, Blas García, e as concelleiras de Promoción Económica e Emprego de Brión, Guarina Rey, e de Ames, Ana Belén Paz. Tras o acto de apertura, a docente Nelly Rey impartiu unha charla-obradoiro sobre como elaborar unha estratexia activa de empregabilidade, á que asistiron 50 persoas usuarias.

O obxectivo do programa é acadar polo menos a inserción laboral dun mínimo do 40% dos participantes, aínda que na edición 2022-2023 superouse a previsión, chegando ao 50%.

O programa integrado de emprego dos Concellos de Brión e Ames está subvencionado pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade con 219.610,00 euros e cofinanciado por ambos municipios. As persoas beneficiarias desta formación, ademais de estar inscritas como demandantes de emprego e empadroadas nalgún destes concellos, forman parte do colectivo de maiores de 30 ou 45 anos desempregadas ou mulleres sen emprego. Segundo ambos consistorios, trátase dunha das medidas de políticas activas de emprego máis efectivas levadas a cabo.

Neste sentido, a concelleira de Promoción Económica e Emprego do Concello de Brión destacou que “os programas integrados de emprego coma este son os mellores instrumentos de cara a mellora da inserción laboral”.

Así mesmo, o rexedor de Ames salientou que “programas coma este poñen de manifesto que, cando hai vontade, as administracións podemos traballar conxuntamente en algo tan importante como é axudar ás persoas a atopar un emprego”. 

Pola súa banda, Guarina Rey matizou que é un exemplo de éxito da colaboración de tres administracións: Xunta, Concello de Ames e Concello de Brión. Tres administracións de distintas cores políticas, pero que saben traballar conxuntamente polo benestar da veciñanza”.

Pola súa banda, a concelleira de Promoción Económica e Emprego do Concello de Ames animou ás persoas participantes a aproveitar os cursos que se van impartir, xa que contan con grandes formadores.

Nos próximos meses, o alumnado beneficiarase de titorías, formación transversal para a procura de emprego, idiomas, informática, cursos específicos segundo a temática e prácticas en empresas da contorna.