Venres. 03.05.2024

O Partido Popular local móstrase preocupado pola “vaga de roubos e a inseguridade que está a sufrir Melide”.

Dalia García, portavoz dos populares de Melide explican que “son moitos os veciños e veciñas que se poñen en contacto con nós para buscar solucións, ante un silencio inexplicable do alcalde e o tripartito local. Non podemos ter esta imaxe de Melide que repercute en todos e cada un dos sectores, dende o agrícola ata o comercial e o hostaleiro e os propios particulares”.

García engade que “é necesario que coa máxima premura se convoque a Xunta Local de Seguridade e que se soliciten formalmente máis recursos en seguridade á Delegación do Goberno. As Forzas e Corpos de Seguridade da nosa demarcación xa fan máis que suficiente coa mermada plantilla de axentes que ano tras ano non cobren as xubilacións ou vacantes dende o goberno local o que ten como consecuencia a proliferación de roubos e a inseguridade”.