Sábado. 27.07.2024

Un ano despois da toma de posesión, que obxectivos de lexislatura están xa cumpridos nestes últimos 12 meses?

A situación económica na que atopamos o Concello da Baña cando chegamos ao goberno, cunha débeda de máis de 1.600.000 euros, obrigounos a aparcar de maneira temporal os nosos proxectos. Antes de poñer en marcha o noso programa temos que sanear a situación económica das arcas municipais.

Que iniciativas vai poñer en marcha o seu equipo de goberno a curto e medio prazo?

Somos conscientes que a curto prazo o noso obxectivo principal é reducir a débeda. Estamos traballando arreo neste aspecto, con avances xa significativos. Unha vez que a economía do Concello estea saneada, a medio prazo, o noso obxectivo é dotar ao municipio de infraestruturas básicas. Queremos facer investimentos en saneamento e abastecemento de auga, dinamizar a vida nas parroquias e potenciar o entorno rural.

Cales son os principais problemas que ten a vila nestes últimos tempos?

A día de hoxe, o Concello ten moi deterioradas as estradas, consecuencia da política de abandono do anterior goberno.

Por outra banda 14 das 15 parroquias do concello non teñen saneamento nin abastecemento de auga. Iste é outra grande eiva, que dificulta o desenvolvemento urbanístico do municipio e que a xente queira seguir vivindo no rural.

O maior dos problemas ao que nos enfrontamos é a perda de poboación. Temos un concello moi envellecido. Aínda que estamos a tratar de asentar poboación, as baixas por defunción fan que o censo siga en descenso constante.