Luns. 29.04.2024

O candidato socialista á Presidencia da Xunta de Galicia, José Ramón Gómez Besteiro, fixará por Lei a obriga de participar nos debates dos medios públicos “por respecto á cidadanía e como mostra de saúde democrática”. Besteiro anunciou unha proposta para reformar a Lei de Eleccións ao Parlamento de Galicia que garanta a celebración de debates electorais.

O candidato socialista dixo que “Galicia non merece un presidente que fuxe dos debates electorais”, en alusión á nova espantada de Rueda do de RTVE que se celebrará hoxe, porque “Galicia ten dereito a contrastar as opcións políticas, é un exercicio de democracia”, remachou.

Dixo que “os galegos e as galegas merecen que rematemos con esta burla á democracia”, como cualificou ao feito de que “un dos aspirantes a presidir o goberno galego permaneza agochado, sen dar a cara e poñendo escusas de mal pagador” para eludir a súa obriga de comparecer e contrastar o proxecto de goberno.

Explicou que os debates electorais son “unha oportunidade insubstituíble para que a cidadanía poida coñecer e comparar as diferentes opcións políticas”, e por iso, engadiu, a Lei de Eleccións ao Parlamento de Galicia debe fixar a obriga de concorrer a estes encontros nos medios públicos de comunicación.