Luns. 29.04.2024

O presidente e candidato do PPdeG, Alfonso Rueda, anunciou na Coruña que na vindeira lexislatura se dará “un paso máis no impulso de medidas contra o inverno demográfico” co aumento dos 40 aos 45 anos a idade para o acceso á fecundación in vitro na sanidade pública galega e a eliminación dun único fillo para o acceso a esta fórmula, así como a introdución da posibilidade de que todas as mulleres que desexen poidan conxelar os seus óvulos no sistema público coa eliminación do requisito de ter unha patoloxía para solicitar este servizo

Nun almorzo informativo celebrado con representantes da sociedade coruñesa, Alfonso Rueda destacou os grandes esforzos feitos nestes anos na mellora da sanidade pública galega e recoñeceu a necesidade de “seguir mellorando e impulsando iniciativas beneficiosas para todos os galegos”. En concreto, destacou que a Xunta investirá no CHUAC cerca de 450 millóns de euros: “Supón o maior investimento en materia de infraestruturas sanitarias que xamais se fixo en Galicia”. Neste momento xa se levou adiante a fase 0 –por importe de 13 millóns de euros– para a creación dunha nova planta de hospitalización, un novo espazo do hospital de día, o aumento do número de camas para críticos e a ampliación tamén dos servizos de urxencias. Ademais, investíronse case 30 millóns de euros na dotación de novos equipamentos e nova tecnoloxía, como resonancia magnética, equipos TAC, salas de hemodinámica, radioloxía bascular ou neurorradioloxía.

“Agora levaremos adiante a Fase 1, que suporá 40 millóns de euros para a construción da torre polivalente e os novos accesos, en colaboración co Concello da Coruña. Queda pendente de licitar ao longo deste ano a fase 2, que suporá un investimento de 228 millóns de euros; e restaría a fase 3, cun custo estimado de 157 millóns de euros”, explicou.

MÁIS ACTUACIÓNS EN MATERIA DE SANIDADE

O líder dos populares galegos lembrou a recente adxudicación de 16 prazas de médicos de urxencias e destacou a entrada en funcionamento do novo Hospital de día de saúde mental infanto-xuvenil no Materno. Tamén se referiu, no ámbito da Atención Primaria, á posta en marcha do centro de saúde de Novo Mesoiro e amosou o compromiso de avanzar na construción do centro de saúde de Santa Lucía, para o que avogou pola colaboración municipal para comezar as obras no antigo mercado.

O candidato do PPdeG agradeceu a colaboración da Fundación Amancio Ortega na dotación de aparatos de alta tecnoloxía na sanidade galega e na construción de residencias de maiores nas sete cidades galegas. No caso concreto da Coruña, destacou que a residencia estará operativa este ano para albergar a 150 persoas.