Domingo. 28.04.2024

A candidata á Presidencia, Ana Pontón, compartiu coa directiva da Confederación de Empresarios de Galiza (CEG) as principais liñas do proxecto de goberno do BNG en materia económica, un proxecto que aposta claramente pola innovación como motor de desenvolvemento, pola creación de máis industria e o impulso dos sectores produtivos tradicionais, e pola dotación eficiente de solo empresarial e o desenvolvemento dun novo modelo enerxético ao servizo de familias e empresas.

Pontón concretou algunhas das medidas previstas polo BNG, como o Plan de fomento da actividade tecnolóxica e industrial para incrementar en oito puntos o peso da industria no PIB e xerar 12.000 novos empregos ata 2030.

Con este plan, o Bloque quere darlle un maior pulo e unha maior capacidade de transformación ao conxunto dos sectores produtivos, non só ao primario, senón tamén para posicionar Galiza “en novos sectores como o desenvolvemento das novas tecnoloxías, onde temos unha oportunidade importante de cara ao futuro”.

A aposta decidida pola innovación como motor dunha economía moderna, sostible e competitiva é outra das grandes liñas do proxecto de goberno do BNG, no que inclúe un Pacto Galego pola Ciencia e a Innovación para destinar o 3% do PIB á ciencia no horizonte temporal do 2030, sumando iniciativa pública e privada.

A candidata explicou que o obxectivo deste gran pacto é converter a economía galega nunha “economía do coñecemento”, incorporando como unha das súas claves precisamente a colaboración co tecido económico do País.

Neste sentido, avanzou liñas de apoio específico ás PEMES, base fundamental na xeración de actividade e emprego, coa fin de darlles as ferramentas que precisan para ser máis innovadoras. “Ou innovamos ou imos quedar atrás e no BNG temos claro que a Galiza do futuro ten que ser unha Galiza innovadora”, resumiu.

Para poder poñer en marcha estas medidas, Pontón tamén considerou preciso cambiar as políticas desenvolvidas en materia de solo empresarial ao longo dos últimos 15 anos, onde Galiza perdeu moitas oportunidades por non ter solo suficiente en amplas zonas do País.

“Non podemos tardar 20 anos en desenvolver solo empresarial”, advertiu en referencia á PLISAN de Vigo, que segue aínda sen as conexións necesarias e na que exemplificou a pésima xestión do Goberno do PP, mentres o norte de Portugal non deixa de medrar cunha eficiente oferta de solo empresarial e industrial.

Neste contexto, a candidata nacionalista comprometeuse a axilizar a dotación de solo nas áreas máis dinámicas do País e a facelo a prezos competitivos, o que considerou esencial á hora de atraer investimentos, un dos graves problemas que ten agora Galiza.

“En 2009 tiñamos unha taxa de investimento superior á media do Estado que se desplomou nos anos da crise e que nunca se recuperou”, advertiu para lembrar que esta taxa de investimento é actualmente 6,5 puntos inferior á media estatal e 10 puntos menor que a media europea. “Temos que atraer máis investimento e para iso temos que ter as condicións que permitan facer de Galiza un lugar no que investir”, apuntou. 

Por último, recalcou o compromiso do Bloque para desenvolver un novo modelo enerxético que poña a riqueza enerxética do País ao servizo da sociedade, das familias e das empresas, outra das cuestións que considerou “clave” para facer de Galiza un país máis competitivo e con maior calidade de vida.