Venres. 03.05.2024

O candidato socialista á Presidencia da Xunta de Galicia, José Ramón Gómez Besteiro, achegouse ao instituto Rosalía de Castro, en Compostela, para someterse ás preguntas dun grupo de nenos e nenas integrados nun programa de diversificación curricular e presentarlle as súas propostas sobre a Educación Pública e outros asuntos do seu programa. Un “Besteiro directo”, aberto a medios e retransmitido polo canal de YouTube dos socialistas galegos (PSdeGTV).

Besteiro explicoulle aos escolares por que rescatará como primeira medida a gratuidade dos libros de texto e do material escolar para que todos en Galicia teñan as mesmas oportunidades con independencia da situación económica familiar “porque a Educación ten que basearse na equidade para garantir unha sociedade democrática e, sobre todo, temos que crer no sistema educativo, non dar a ninguén por perdido, nin deixar a ninguén atrás. Iso é o que defende o Partido Socialista”.

Besteiro criticou as políticas de recortes e precarización aplicadas no ensino público durante os 15 anos do PP na Xunta e a anulación da gratuidade dos libros, que “pode acadar un gasto duns 500 euros por neno ou nena”.

O candidato socialista, a preguntas dos nenos e nenas, expúxolles brevemente a súa intención de a creación dunha nova Lei de Educación, adaptada aos novos tempos, que contemple, entre outras, a loita contra o acoso e o ciberacoso escolar ou a atención psicolóxica gratuíta en todos os niveis de formación obrigatoria; reformule as horas de docencia e rebaixe o número de alumnos por docente; aposte pola inclusión das persoas con necesidades educativas especiais, etc.

“Unha educación pública de calidade que ten que chegar tamén á Galicia rural onde o goberno galego pechou 138 escolas na última década”. Con todo, apuntou Besteiro, “é necesario garantirlles un centro próximo, dispoñibilidade de transporte, medidas que faciliten a conciliación como o servizo de comedor...”.

Falou tamén Besteiro da gratuidade das primeiras matrículas na Universidade e os masters como garantía de igualdade; ou impulsar a FP dual e levar esta práctica aos Grados universitarios.

Preguntado sobre a súa postura ante a incorporación dos avances tecnolóxicos ao Ensino, o candidato socialista afirmou que “hai que incorporalos á escola, pero tamén hai que regular o uso adecuado a estas tecnoloxías” e criticou que moitos lugares en Galicia non dispoñen ni tan sequera de conexión a internet.