Domingo. 28.04.2024

O presidente e candidato do PPdeG, Alfonso Rueda, subliñou a súa ilusión por seguir acompañando aos galegos no camiño cara a Galicia da próxima década reivindicando que ama e respecta a nosa Comunidade tal e como é, sen necesidade de cambiala por nada.

O líder dos populares aposta por unha vitoria que permita a Galicia ter un goberno que merece: con ilusión, con experiencia e ao servizo de todos os galegos sen excepción. De aí que afirmase que o 18 de febreiro todos os galegos deben ter claro que o que se escolle é o camiño para os próximos entre, chamándoos a escoller a papeleta do PPdeG e con ela a da unidade, as solucións e a experiencia fronte á ruptura, as liortas, o partidismo e os nacionalismos.

Animou así aos seus a afrontar estes últimos días de campaña pedindo ata o último voto con confianza pero sen confiarse, con optimismo, con orgullo polo feito e coa esperanza polo que queda por facer para que Galicia siga funcionando.

E nesa Galicia que funciona xoga e seguirá xogando un papel moi importante o concello de Mos, xa que contará co complexo sociosanitario do Rebullón e cun dos primeiros centros públicos de coidados intermedios. Comprometeuse ademais a atraer novos investimentos que creen riqueza e emprego, como a Factoría do Deporte Galego, e a apostar pola vivenda pública con 20 novas que se van construír en San Eleuterio.

Do mesmo xeito, Rueda quere seguir vertebrando o territorio e neste sentido amosouse contrario a que a AP-9 non siga sendo a autoestrada de titularidade estatal máis cara de España, xunto coa AP-53.

Concluíu facendo un chamamento a que este domingo os galegos aposten pola Galicia orgullosa de si mesma e do que é dentro de España, a Galicia unida con sitio para todos, a Galicia próspera e con oportunidades. A Galicia, en definitiva, que funciona e que debe seguir funcionando.