Venres. 03.05.2024

A primeira das actividades, a Escola Filloeira, ofrecerá o 14 de febreiro a partir das cinco da tarde un obradoiro de elaboración de Filloas de Lestedo para crianzas de 10 a 18 anos. Ao día seguinte, o chef Roberto Filgueira, do restaurante O Balado (cunha estrela verde Michelín e un Sol Repsol), dirixirá un showcooking no que preparará pratos con filloas de Lestedo sen glute. Para isto, contará co apoio do chef José Manuel Mallón, que o ano pasado dirixiu o obradoiro de elaboración de receitas aptas para persoas celíacas.

Tamén o día grande da Festa da Filloa de Lestedo, o 18 de febreiro, e dada a boa acollida na edición anterior, habilitarase un espazo para a venta de Filloas sen glute. Ao igual que o ano pasado, ofreceranse estes produtos no local social de Lestedo.

A gran novidade desta edición, é o desenvolvemento da xornada Filloa Accesible, coa celebración dun obradoiro de elaboración de Filloas de Lestedo e un showcooking que será interpretado integramente en lingua de signos. A xornada estará dirixida polo chef José Manuel Mallón, ten como obxectivo “achegar a Filloa de Lestedo a diferentes colectivos e animalos a integrala nas súas elaboracións, xa que se trata dun produto moi versátil que tanto se pode degustar cun recheo salgado como doce”, concluíu o voceiro da Asociación.