Mércores. 01.05.2024

O complexo polideportivo municipal da Gándara acollerá o domingo 18 de febreiro unha xornada de Iniciación ao mergullo, dirixida a maiores de 12 anos que sepan nadar, e que organiza o Concello de Narón, a través do seu departamento de Deportes.

            Durante a presentación da xornada, o concelleiro Ibán Santalla avanzou que a inscrición pódese formalizar ata o bindeiro día 15 de febreiro nas oficinas do Padroado de Deportes, na Gándara, de luns a venres entre as 9:00 e as 13:00 horas. O prezo da inscrición é de cinco euros por persoa e os participantes dividiranse en grupos reducidos, de seis persoas. Aconséllase que a maiores do bañador, gorro e chanclas, as persoas que vaian realizar a xornada leven tamén unha toalla.

            A xornada dará comezo ás 10:00 horas e durante a mesma, tal e como indicou Óscar García, integrante do Club do Mar de Ferrol, os participantes recibirán unha serie de explicacións teóricas para a continuación meterse na piscina da Gándara durante uns 15 ou 20 minutos, e realizar largos mergullando.

            Dende o Concello e o Náutico Narón animaron á cidadanía a sumarse a esta actividade, que se convoca por vez primeira na cidade e que se concibe a modo de “bautismo”. O obxectivo, segundo apuntaron dende o Club do Mar de Ferrol, é que a xente que realice a xornada “perda o medo a mergullarse”.