Venres. 03.05.2024

A candidata á Presidencia, Ana Pontón, apelou á forza das mulleres para ser o “motor do cambio” e poñer en marcha “un futuro en igualdade plena” da man dun Goberno liderado polo BNG e da primeira presidenta de Galiza. “Tras 43 anos é hora de ter unha presidenta e que comigo entren pola porta da Xunta todas as mulleres”, proclamou.

“Se o domingo as mulleres votamos masivamente polo cambio concentrando o voto na papeleta do BNG imos ter presidenta e comigo entrará pola porta da Xunta todas as mulleres e todos os homes que camiñan ao noso carón pola igualdade, que son a maioría”, subliñou nun encontro cunha ampla representación de mulleres celebrado en Santiago, no que interviñeron tamén a candidata Noa Presas e a alcaldesa Goretti Sanmartín. 

 Pontón asegurou que “o cambio está ás portas” e por iso fixo unha chamada para que as  mulleres sexan a forza dese cambio que xa e imparable, facendo historia coa primeira presidenta de Galiza. “Eu non quero facer historia por min, senón por todas e para todas”, agregou, comprometéndose a   “deixarse a pel” por construír unha Galiza na que as mulleres podan ser “libres e iguais”.

O goberno feminista que presidirá Pontón traballará “os 365 días do ano” para que as mulleres teñan as mesmas oportunidades, para loitar contra a violencia machista, acabar coa fenda de xénero ou poñer fin “á precariedade que sofren moitas mulleres con soldos que non son decentes”, asegurou, aludindo á folga das traballadoras da limpeza de Lugo “que levan máis de cen días reclamando un salario digno”.

“A igualdade non pode ser só un lazo lila que poñerse na solapa cada 18 de marzo”, advertiu para, máis unha vez, pedir o voto ao Bloque como a forza que representa ás mulleres e homes que queren “poñer o turbo da igualdade” tras quince anos do PP, que suprimiu puntos de información ás mulleres e o Servizo Galego de Igualdade, recuperou concertos con centros que segregan ao alumnado por sexo, financiou con cartos públicos unha rede antiabortista vinculada ao Opus Dei, recortou as axudas ás vítimas da violencia de xénero “nos momentos máis duros” ou votou en contra da creación de xulgados específicos contra a violencia machista en Galiza.

Pontón, que como presidenta asumirá as competencias en igualdade, aproveitou o encontro coas mulleres para avanzar as principais medidas que o “Goberno da igualdade” do BNG vai poñer en marcha nesta materia e que se marcará como un dos seus obxectivos prioritarios destinar o 1% do orzamento , en torno a 110 millóns de euros, a combater a violencia machista.

Tras facer insistir en que as mulleres non poden seguir cargando coa falta dunha estrutura pública que coide ás persoas, avanzou un paquete de medidas para promover a corresponsabilidade e que a conciliación non sexa unha carreira de obstáculos para as mulleres.  Para iso co BNG na Xunta haberá un servizo público de canguros a domicilio, para crianzas de 4 meses a 12 anos, dirixido a cubrir necesidades de natureza extraordinaria, como pode ser que un neno ou nena teña que quedar na casa por enfermidade e os seus país traballen.

No que se refire á conciliación, adiantou tamén a ampliación da rede de escolas infantís públicas “porque a gratuidade está moi ben, pero pouco importa              que sexan prazas gratuítas se despois esas prazas non existen ou non son suficientes para atender a todas as crianzas”. En Galiza hai 63.400 nenos e nenas menores de 3 anos, pero só 11.217 prazas públicas, o que supón menos do 18 % da demanda. Se se suma a oferta privada, a cobertura chega só a metade da poboación.

Para axudar a conciliar ás persoas, maioritariamente mulleres, que teñen ao seu coidado a maiores, o programa de goberno do BNG aumentará en 86 millóns de euros o servizo de axuda no fogar (SAF). A redución da xornada laboral a 35 horas semanais é outra das propostas do BNG para facilitar ao conxunto dos traballadores e traballadoras a conciliación da vida laboral e persoal.