Venres. 03.05.2024

O presidente e candidato do PPdeG, Alfonso Rueda, quixo iniciar o seu último día de campaña en Pontevedra para coller forzas coa súa xente e, nun encontro con interventores e apoderados, asegurou estar “satisfeito, tranquilo e convencido” de que os galegos sexan conscientes que este domingo, 18 de febreiro, “hai que elixir entre a Galicia que funciona ou un multipartito de esquerdas”.

Insistiu en que durante a campaña e nas próximas horas o seu obxectivo foi e será “pedir a confianza maioritaria dos galegos fronte ao radicalismo do nacionalismo independentista e a resignación dun PSOE disposto a ceder en todo”. De feito, pediu o voto de todos aqueles que “non queren que Galicia caia en mans dun goberno que ten como obxectivos a independencia, a imposición lingüística ou a desaparición das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado”.

“Todo iso pode instalarse aquí e por iso pido unha confianza máxima, con máis razón e con máis forza que nunca, no Partido Popular e na Galicia que funciona”, explicou amosando a súa satisfacción co traballo feito durante estes 15 días nos que “fixemos a campaña que nos gusta facer”.

Destacou así o contacto directo coa xente a pé de rúa e a través de actos sectoriais de todo tipo (culturais, deportivos, sociais...) e almorzos informativos nas sete cidades con gran afluencia. “A xente quixo escoitar as nosas propostas e decidir en consecuencia porque para iso son as campañas, sen necesidade de entrar nas descualificacións nin no insulto persoal”, subliñou.

Alfonso Rueda aproveitou o seu encontro con interventores e membros do equipo de campaña do PP de Pontevedra para darlle as grazas e facer extensivo o seu agradecemento “a todos os interventores e apoderados que o domingo estarán representando ao PPdeG, a disposición de todos os votantes, e formando parte dun dispositivo que permitirá que a xornada electoral transcorra con total normalidade”.

O presidente e candidato percorrerá durante esta xornada as catro provincias galegas, xa que logo deste encontro en Pontevedra realizará un paseo por Lugo, participará logo no mitin de peche de campaña –xunto ao presidente nacional do PP, Alberto Núñez Feijóo– e rematará no mitin-festa de fin de campaña organizado polo PP de Ourense.