Luns. 29.04.2024

A candidata do BNG á Presidencia, Ana Pontón, lanzou este venres unha mensaxe de esperanza a todas as persoas que queren cambio en Galiza, amosándose convencida de que “se toda a xente que quere deixar atrás quince anos de retroceso confía no BNG, o cambio vai ser imparable e faremos historia coa primeira presidenta coas mans libres para poñer por sempre os intereses dos galegos e as galegas, dende o diálogo pero tamén dende a firmeza”. “Non lles vou fallar!”, proclamou.

Pontón mantivo en Santiago un encontro con todas as candidatas e os candidatos do BNG a estas eleccións, encabezados por Mercedes Queixas na Coruña, Olalla Rodil en Lugo, Noa Presas en Ourense e Luís Bará en Pontevedra. Un encontro no último día da campaña “máis intensa, emocionante e esperanzadora” no que a candidata fixo unha chamada á mobilización masiva o domingo, “porque cada voto é determinante”, para que todas as persoas que queren construír unha Galiza mellor se unan na papeleta do Bloque.

“Non importa o que votasen noutras eleccións, hai moitas maneiras de sentirse galego ou galega e todas son necesarias para abrir un tempo novo”, afirmou para subliñar que este é un momento decisivo no que toca apostalo todo polo BNG, a forza na que se está concentrando a onda do cambio que non parou de medrar ao longo da campaña até facerse imparable.

De aí a importancia de que ningún voto do cambio quede na casa nin se perda.  “Xogámonos moito máis que un goberno, o que nos estamos xogando é un cambio de ciclo, un gran cambio” para  deixar atrás quince anos dun goberno “que está facendo que Galiza perda”, en poboación, cuns servizos públicos peores, con menos industria e emprego, máis emigración, menos oportunidades para a mocidade ou menos peso no Estado.

Pontón apelou a todos os galegos e galegas a acudir a votar o domingo “con ilusión” e “convencemento” e especialmente “a todas as persoas que aínda dubidan” para que elixan a papeleta do BNG e poder así construír unha Galiza mellor para todos e todas.

“Pídolles unha oportunidade para demostrar que o podemos facer mellor e para demostrarlles que como presidenta vou traballar cada día por mellorar a súas” asegurou, comprometéndose a liderar o goberno que constrúa un País no que a xente moza poda desenvolver a súa vida, na que non haxa que esperar quince días para ir á médica ou médico de cabeceira e na que as persoas maiores desfruten dunha vellez tranquila nas súas casas. Unha Galiza produtiva na terra e no mar, con industria, que aposte pola ciencia e que se sume á loita contra o cambio climático, que sexa inclusiva, plural e feminista, engadiu.

A candidata nacionalista pediu tamén a confianza das persoas que aínda teñen dúbidas, ás que convidou a ser tamén protagonistas do cambio, posto que este domingo só hai dúas alternativas: “Ou un goberno cun presidente que se apelida Rueda, ou un goberno cunha presidenta que se apelida Pontón; ou seguir cun goberno do PP que nos deixa unha Galiza máis pequena ou dar paso a un goberno do BNG capaz de poñer en marcha unha Galiza en grande”.