Sábado. 27.04.2024

Como cada 25 de novembro, os concellos da Bisbarra programaron numerosas iniciativas dirixidas a todas as idades cun obxetivo claro: frear a lacra da violencia de xénero.

OROSO

Para iso, no Concello de Oroso hoxe recordaron as mulleres asesinadas pola violencia machista nunha concentración na praza de Isaac Diaz Pardo. A rapazada do IES de Oroso recordou aos presentes que esto “non é un día, é todo o ano”, o alumnado do CEIP Sigüeiro fixo reflexionar cos micromachismos, e o CEIP Camiño Inglés recitou uns poemas de Lucia Aldao.

BRIÓN

Tamén a praza do Concello de Brión acolleu este mediodía a concentración conmemorativa do 25 de novembro, na que participaron unha trintena de persoas. Todas elas levaban camisetas, máscaras, chapas ou calquera outro tipo de prenda incluídas na campaña “Brión en negro”, á que por cuarto ano consecutivo se adheriu o consistorio brionés.

A programación do 25N en Brión continuará mañá venres de 18:00 a 20:00 horas, onde Cristy Tojo, campioa europea de Parakarate e experta en autodefensa feminista do Clube Deportivo Avalon Kai, impartirá un Obradoiro de Autodefensa. As mulleres que participan aprenderán recursos e ferramentas psicolóxicas e físicas para afrontar o día a día, con técnicas mentais e físicas coas cales afrontar situacións de violencias machistas, baixo a lei do mínimo esforzo e a máxima eficacia.

Finalmente, o sábado 27 de novembro, ás 10:30 horas, terá lugar a Andaina “A prol do bo trato”, cun percorrido de 10 km con saída e chegada na carballeira de Santa Minia. Antes da saída farase entrega dun agasallo a todas as persoas que participen, así como dun avituallamento para o camiño. Unha andaina para a que aínda quedan algunhas prazas dispoñibles en [email protected] ou no teléfono 981 50 99 10 (ext 51).

TOURO

En Touro o departamento de Servizos Sociais do Concello de Touro organizou un obradoiro cos maiores, que pintaron camisetas co lema “Touro coa igualdade” e co nome de cada un. Pola súa banda, a concelleira de Educación, Cultura e Deportes leu unhas palabras nas que o o Concello se manifestou en contra da violencia machista.

FRADES

A casa do concello de Frades acolleu tamén este mediodía unha concentración, encabezada polo alcalde Roberto Rey Martínez, na que se gardou un minuto de silencio en memoria das mulleres vítimas da violencia de xénero e os nenos/as vítimas da violencia vicaria. Un acto no que participaron traballadores e traballadoras municipais, así como representantes dos distintos grupos políticos deste concello.

A casa consistorial contaba cunha gran lona coa proposta “Xuntos voaremos máis alto”, deseñada por Bruno Pérez Meijide e Diana Rivadas Porteiro, de 1º da ESO do Ies de Ponte Carreira.

BOQUEIXÓN

O alumnado do CPI Antonio Orza Couto realizou este mediodía unha concentración en contra da violencia de xénero, na que corearon un dos lemas do CIM de Boqueixón: “as mans para loitar, non para ferir. A fala para acariñar, non para anular”. Unha frase recollida na lona que o alcalde, Manuel Fernández Munín, e a directora do CIM, Cristina Carbajales, achegaron á concentración.

Un alumnado que ao longo do último mes ten participado en distintas actividades de sensibilización contra a violencia de xénero, entre elas varias sesións coas unidades didácticas “Alén loita e acariña”, editadas polo Concello de Boqueixón e que serviron para que o profesorado puidera falar sobre a violencia de xénero desde unha perspectiva próxima ás crianzas. O acto rematou co reparto de material de sensibilización para toda a rapazada.