Sábado. 27.07.2024

Un ano despois da toma de posesión, que obxectivos de lexislatura están xa cumpridos nestes últimos 12 meses?

No último ano, traballamos arreo para cumprir varios dos nosos obxectivos prioritarios. Entre os máis destacados están a reapertura do aparcadoiro no Recinto Feiral Terra do Queixo, unha medida esencial para aliviar a presión sobre o estacionamento na zona céntrica e facilitar o acceso aos servizos e comercios locais. Tamén conseguimos poñer en marcha un plan de ampliación da cobertura de fibra óptica nas parroquias, mellorando a conectividade e as infraestruturas en Arzúa. Adicionalmente, inauguramos a Casa das Mulleres, un espazo destinado ao encontro e ao tecido de redes de apoio mutuo, reforzando así o noso compromiso con mellorar a calidade de vida no Concello. Ademais, simplificamos os procedementos para o uso de locais municipais, fomentando o asociacionismo e a súa actividade, e incorporamos o Albergue do Río Vello á listaxe de locais municipais dispoñibles. Na área deportiva, logramos recuperar con éxito a Liga de Fútbol Local que está a ter un gran éxito de asistencia entre a veciñanza.

Que iniciativas vai poñer en marcha o seu equipo de goberno a curto e medio prazo?

A curto prazo, continuaremos coa expansión da rede de fibra óptica para alcanzar máis fogares nas parroquias e, paralelamente, traballaremos en actualizar a nosa infraestrutura tecnolóxica a un estándar máis avanzado, temos xa axendadas reunións con AMTEGA para abordar o problema de cobertura móbil nas nosas parroquias. Este traballo é prioritario para garantir que a veciñanza teña acceso a servizos dixitais de calidade. A medio prazo, planeamos incrementar o investimento en melloras viarias en varias parroquias e arranxar e investir na Área Recreativa de Ribadiso para convertelo nun espazo atractivo, non só para as arzuás e arzuáns senón para toda a comarca. Así mesmo, este mes iniciaremos conversas con Naturgy para explorar o uso sustentable de Portodemouros, procurando proxectos que dinamicen a comarca e sexan respectuosos co medio ambiente, opoñéndonos a iniciativas como a da megacelulosa Altri, que como estamos coñecendo estes días, a súa implantación no territorio tan só suporía prexuízos ambientais e socioeconómicos para Arzúa.

Cales son os principais problemas que ten a vila nestes últimos tempos?

Enfrentamos o desafío continuo de mellorar a infraestrutura viaria nas parroquias, un problema que arrastramos desde hai anos e que estamos decididos a solucionar con un plan de investimento continuado. Tamén faise imprescindíbel ampliar os servizos de atención social, especialmente para as persoas máis vulnerables. Estamos reforzando o Servizo de Axuda no Fogar e as medidas de conciliación para familias en situación de vulnerabilidade, reafirmando o noso compromiso de proporcionar servizos públicos de calidade que axuden a fixar poboación na nosa localidade e a reverter a actual tendencia de despoboación que sofren a maior parte de municipios rurais da Galiza. Porén, desde o goberno local somos conscientes das limitacións financeiras a que nos enfrontamos os concellos, por iso, estamos a solicitar reunións con outras administracións, como a Xunta de Galiza e a Deputación da Coruña, para que se impliquen máis con Arzúa. Comprometémonos a petar en todas as portas necesarias para garantir que a nosa veciñanza teña acceso a servizos públicos dignos e evitar tanto a parálise institucional como a perda de dereitos que nos corresponden como arzuás e arzuáns.