Luns. 29.04.2024

O Concello de Brión iniciou os traballos de repoboación parcial da carballeira de Santa Minia tras a autorización da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural de Galicia. Así pois, procedeuse á retirada dunha ducia de árbores na contorna da Casa da Cultura, afectados por distintos fungos, como a Armillaria mellea, unha enfermidade mortal sen cura que causa a putrefacción do sistema de raíces dos carballos.

O alcalde de Brión, Pablo Lago, acudiu á carballeira para supervisar os traballos, e adiantou que se procederá así mesmo á retirada da terra, tamén contaminada polos fungos, para repoñela con substrato novo. Ao tratarse dunha enfermidade que se transmite entre árbores polo solo, o primeiro paso é a retirada dos exemplares indicados pola Estación Fitopatolóxica do Areeiro. Tras sacar a terra e repoñela, o Concello plantará oito exemplares de carballo duns tres metros de altura. Ademais, seguirase analizando as demais árbores da carballeira de Santa Minia seguindo as indicacións do persoal técnico e especialista. Para poder realizar o repoboamento e impedir a propagación do fungo, as novas árbores plantaranse nunha zona separada por un sumidoiro.

Finalmente, recolléronse partes dos carballos retirados para entregar ao escultor e artista Camilo Seira, que elaborará unha peza artística con elas e será exposta nalgún edificio municipal como memoria da carballeira centenaria de Brión.