Luns. 29.04.2024

O Consorcio Provincial Contraincendios e Salvamento da Coruña, conformado pola Xunta de Galicia e a Deputación da Coruña, reafirmou o seu compromiso de colaboración co Concello de Santiago de Compostela para avanzar na comarcalización do servizo de bombeiros, tal e como se reafirmou nunha xuntanza entre representantes das administracións implicadas. No encontro participaron o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, o deputado provincial José Ramón Rioboo, e o concelleiro de Mobilidade, Convivencia e Centros Socioculturais, Xan Duro.

Así, tal e como se establecera xa en xuntanzas anteriores, o investimento por parte da Xunta e a Deputación, compartido ao 50%, ascenderá a tres millóns de euros. Desta contía, dous millóns destinaranse a sufragar as obras do novo parque e un millón anual a financiar o funcionamento deste servizo comarcal. Tanto a Deputación como a Xunta de Galicia teñen xa consignadas estas partidas económicas nos seus orzamentos deste ano.

Pola súa banda, o Concello de Santiago encargarase da contratación do persoal, da licitación do servizo e da contratación das obras precisas. Así pois, a administración local comprometeuse a enviar a documentación técnica precisa para avanzar na tramitación de cara á sinatura ao longo deste ano do convenio para a comarcalización do servizo de bombeiros, que podería comezar a prestarse de forma provisional desde as instalacións actuais do parque de bombeiros de Santiago.