Luns. 29.04.2024

O Concello de Moeche está a ultimar a reparación das beirarrúas que enlazan o centro de saúde coa estrada da Feira, mellorando a accesibilidade e a estética da contorna. Algúns dos labores salientados polo consistorio son o formigón impreso máis uniforme e resistente, rebaixes nos pasos peonís e pavimento táctil para persoas con dificultades de visión.

Ademais, a administración local adxudicou o novo proxecto para as beirarrúas entre Andrés Pérez Soto e Abanca. Esta segunda actuación, cun orzamento de 54.684,95 euros, iniciarase despois do 23 de abril para non interferir no desenvolvemento da feira cabalar. Neste sentido, coordinaranse os traballos co soterrado dunha nova liña eléctrica de UFD Distribución. “Sería un despropósito reparar as beirarrúas e que dentro duns meses houbese que picalas para meter os cables”, explicou Beatriz Bascoy, alcaldesa de Moeche.

O novo tramo conectará co xa executado e adoptará a mesma solución técnica para darlle uniformidade e funcionalidade a toda a reurbanización. Así, as beirarrúas construiranse con formigón impreso coloreado, disporán de rebaixes nos pasos peonís, separaranse da calzada e das fincas lindeiras con bordes e o trazado, próximo aos 250 metros de distancia, nivelarase por ambos lados para salvar as diferenzas de altura asegurando o cumprimento da normativa de accesibilidade. O prazo máximo de execución dos traballos é de catro meses.