Luns. 29.04.2024

O alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, e o concelleiro de Servizos, José Tomé, reuníronse coa directiva da asociación veciñal de Valón ao abeiro do plan de barrios. “Seguimos escoitando todos os venres aos veciños, interesándonos polas súas demandas e tratando de dar solucións aos novos problemas que nos presentan”, manifestou o rexedor.

Nesta ocasión, a brigada de mantemento do servizo eléctrico realizou 17 actuacións de mantemento correctivo e preventivo. Ademais, rozáronse as beirarrúas e camiños principais, con especial atención á zona do local social e do colexio. Así mesmo, realizáronse traballos de limpeza de sumidoiros, colectores e dos lavadoiros de Valón Vello, Mougá, O Pereiro e a fonte de Vilabuide.

O servizo de conservación e mantemento de áreas infantís de xogos, áreas biosaudables e de exercicio ao aire libre, executaron labores de limpeza e revisión de xogos no parque do CEIP A Laxe. Ademais segáronse máis de 8.300 metros cadrados de parques e xardíns e plantáronse 30 unidades de margaritas no macizo do monumento O fígado.