Luns. 29.04.2024

O alcalde do Concello de Santa Comba, Alberto Romar, reuniuse co presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, para estudar posibles actuacións na estrada de titularidade provincial DP-2904 que une o concello xalleiro co de Coristanco.

Durante o encontro, Formoso avanzou o compromiso da institución de acometer actuacións para o acondicionamento por fases da vía, de 18 quilómetros de lonxitude e cun trazado sinuoso e con pendentes.

Segundo indicou o presidente provincial, darase prioridade aos puntos con maior peligrosidade, comezando co estudo da mellora da curva da zona de Amaralle, no quilómetro 17, para valorar un trazado alternativo. Outro dos puntos que trataron os representantes local e provincial foron as curvas á altura de Padreiro, no quilómetro 15 da estrada, a seguinte prioridade nas posibles intervencións.