Luns. 29.04.2024

A Deputación da Coruña adxudicou as obras de mellora da seguridade viaria en dúas estradas de titularidade provincial no Concello de Vedra por valor de 252.199,09 euros e un prazo de execución de cinco meses. En concreto, trátase de dous treitos da DP-8203 e un da DP-1202.

No caso da DP-1202, os traballos afectan ao situado entre o punto quilométrico 1+000 e o 1+900, dende o velódromo ata o cruce que leva á igrexa de Vedra. No da DP-8203, actuarase na zona comprendida entre o punto quilométrico 0+000 e o 0+890, pasando por diante da casa do concello. Finalmente, actuarase entre os puntos quilométricos 6+100 e 6+680, na zona de San Xián de Sales.

O obxectivo destas actuacións é garantir a seguridade peonil nos tres tramos. Para facelo posible, incrementarase a sinalización vertical e horizontal, aplicaranse sobre o pavimento bandas transversais de alerta e novos pasos de peóns e colocaranse novos sinais verticais de advertenza da presenza de viandantes e de velocidade máxima de circulación.

A maiores crearase unha senda peonil e unha zona de aparcadoiro en liña na marxe esquerda da estrada en San Xián de Sales. A senda estará ao mesmo nivel, cunha separación do estacionamento mediante delimitadores de caucho reciclado.