Sábado. 04.05.2024

O Concello de Santiago enviou á Xunta de Galicia a súa proposta de convenio no tocante ás actuacións na contorna do CHUS. Neste sentido, o consistorio propuxo a elaboración dun proxecto de interese autonómico (PIA) que estaría financiado nun 80% pola administración autonómica, mentres que a local aportaría o 20% restante.

Así o explicou a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, cualificando a proposta de “avance xeneroso e significativo” por parte do Concello, engadindo que permitiría cubrir os intereses comúns das dúas partes no tocante á integración urbana das novas instalacións do complexo hospitalario.

A rexedora compostelá sinalou que a ampliación do CHUS e a construción do Centro de Protonterapia de Galicia son "unha oportunidade" para lograr "unha integración no conxunto dese territorio e desa contorna", ordenando o espazo libre da parcela do CHUS e a contorna do hospital, integrando aparcadoiros para persoas con mobilidade reducida e autobuses e mellorando os accesos.

Xa que logo, Sanmartín instou á Xunta a promover a aprobación dun proxecto de interese autonómico consensuado co Concello para que o goberno municipal poida modificar o proxecto urbanístico en consonancia.

No tocante ao financiamento, a rexedora solicitou que o SERGAS asuma 100% das actuacións incluídas dentro da parcela da súa titularidade e o 80% das obras que se desenvolvan fóra da parcela do SERGAS, dentro do ámbito do PIA; facéndose cargo o Concello do 20% restante. Así pois, a Xunta debería  asumir a contratación da execución, dirección e supervisión do proxecto, ademais das obrigas como promotora da actuación e a expropiación dos terreos necesarios, a excepción dos bens e dereitos necesarios para a execución das obras de remate da glorieta prevista na confluencia da rúa da Volta do Castro coa travesía da Choupana, competencia do municipio.

DISCORDANCIA SOBRE O APARCADOIRO

No tocante á construción do aparcadoiro dentro da parcela do SERGAS, a rexedora recoñeceu que hai "un punto de discordancia" entre as dúas administracións, pero recordou que a Xunta pode activar os mecanismos necesarios para levar a cabo o proxecto, tendo en conta “unha serie de obrigas para a integración na súa contorna que podería resolver o PIA".

Entre os compromisos comúns ás dúas administracións, a alcaldesa destacou a habilitación de prazas de aparcamento provisionais na contorna do hospital durante a execución das obras de ampliación. No caso do Concello, consistirá na habilitación de 150 prazas na parcela á beira do CIMUS. Ademais, a administración local comprométese a aumentar a frecuencia e cobertura do transporte urbano e a incorporación deste na plataforma de mobilidade 4.0 impulsada polo goberno autonómico, así como mellorar o acceso ao servizo de taxi dende as instalacións hospitalarias.

No que lle compete á Xunta, o protocolo de colaboración proposto polo goberno local solicita a reordenación e racionalización do uso dos espazos de aparcamento existentes na súa parcela para unha mellor accesibilidade ao hospital, a implantación dunha oferta de transporte público metropolitano que conecte co CHUS e se integre co sistema de información do transporte colectivo de Santiago, e o establecemento dun plan de transporte ao traballo para facilitar os desprazamentos das persoas traballadoras do CHUS. Así mesmo, o documento recolle tamén a proposta inicial da Xunta de investir 3,5 millóns de euros en actuacións de abastecemento e saneamento no rural de Santiago.