Luns. 29.04.2024

A alcaldesa de Teo, Lucía Calvo de la Uz, mantivo recentemente un encontro coa conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, para abordar distintas cuestións en materia de infraestruturas.

Así, a conselleira trasladoulle que se levarán a cabo melloras na intersección da AC-241 coa AC-841 en Pontevea, para o período transitorio en que estea en servizo o primeiro tramo da autovía AG-59 e, namentres, non haxa entrado en funcionamento o segundo. Desta forma, o tráfico da autovía canalizarase pola AC-241 ata a AC-841.

Para iso, prevese a construción dunha rotonda que estará semaforizada, de modo que se regule de forma adecuada o tráfico e o cruce dos peóns. Ademais, adaptaranse as beirarrúas e recolocarase a zona de carga e descarga. A dita rotonda porase en servizo antes da posta en funcionamento do primeiro tramo da autovía. Desta forma, conseguirase que o tráfico circule nas maiores condicións de seguridade en todo momento e minimizaranse os embotellamentos que poida haber na zona.

A alcaldesa agradeceu a implicación da conselleira nas tarefas de execución da AG-59, unha vía fundamental para as conexións coa capital galega e co concello veciño da Estrada. “Estamos nunha posición estratéxica e toda mellora de infraestruturas repercutirá de xeito positivo no desenvolvemento da economía local e no propio benestar da veciñanza”, matizou a rexedora municipal.

MELLORAS NOS FALSOS TÚNELES DA AUTOVÍA 

Os episodios meteorolóxicos adversos que tiveron lugar nos últimos invernos agravaron moi notablemente o estado do valado que da protección perimetral ás áreas de xogos localizadas sobre os dous falsos túneles da AG-59, que xa dende hai tempo presentaba un alto grado de desgaste. Con todo, vaise desmontar e substituír o valado existente por outro igual nos seis tramos perpendiculares á dirección do eixo da autovía AG-59. Ademais, tamén se vai rehabilitar o valado existente na ponte peonil central que comunica as dúas áreas de xogos. Así,refórzase a seguridade nesas áreas e conséguese que a veciñanza en xeral e a cativada en particular poida desfrutar das áreas de xogo con todas as garantías.