Sábado. 04.05.2024

O PP de Melide tachou de “auténtico desastre” a xestión do conservatorio municipal de música de grao medio. Segundo indicaron, non se cubriron as baixas do persoal administrativo, o que puxo en risco as bolsas de estudo do curso 2023/2024, trámite salvado grazas á colaboración non remunerada do persoal docente. Do mesmo xeito, debido á xubilación do director do conservatorio, o profesorado veuse na obriga de aprobar un equipo directivo transitorio e interino en xuño de 2023. Non obstante, o pasado decembro o tripartito decidiu contratar a un docente do Concello de Arzúa e posteriormente nomealo como director do conservatorio, “baixo unha fórmula pouco ortodoxa e suxeita a dúbidas legais, xa que os convenios administrativos deben ser elevados ao pleno municipal ou á xunta de goberno local”, critican dende o grupo popular.

Así pois, o grupo municipal popular accedeu ao expediente no que o alcalde do Concello de Melide e o alcalde en funcións do Concello de Arzúa asinan un convenio interadministrativo para contratar ao director do conservatorio arzuán para exercer no posto homólogo no centro melidense. Neste sentido, os populares dubidan da compatibilidade para desenvolver dous traballos a tempo completo en distintos centros de ensinanza pública. Ademais, critican que non se informase de dito convenio, que non foi elevado á xunta de goberno local nin a pleno municipal.

Outra das irregularidades sinaladas polo PP de Melide é a ausencia da figura do secretariado e da xefatura de estudos, ambas obrigatorias nun centro de ensinanzas oficiais. “Non se coñece o decreto de nomeamento do director nin do seu equipo directivo, cuestión que foi posta en coñecemento da Inspección educativa, que debe velar polo bo funcionamento e organización dos centros oficiais, a pesar de non ter competencias respecto ao persoal local”.

Finalmente, o grupo popular mostrou a súa preocupación polo alumnado do conservatorio, que “están sufrindo unha xestión desastrosa, unha mostra máis do abandono e desidia dun goberno que se ve sobrepasado pola competencia da xestión diaria e pública”.