Venres. 03.05.2024

A posta en marcha do colector da marxe esquerda do río Sardiña, o último paso para completar o saneamento da Malata de Ferrol, terá lugar esta primavera. Así o avanzou a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade en funcións, Ethel Vázquez, durante a súa visita ás obras en execución, que supuxeron o investimento conxunto da Xunta e do Concello de Ferrol de 900.000  euros. O alcalde de Ferrol, José Manuel Rey, e a secretaria da delegación territorial da Xunta, Patricia Busto, acompañaron á representante autonómica.

Segundo sinalou Ethel Vázquez, o saneamento da Malata permite conectar as vivendas, o estadio de fútbol, a piscina municipal, a feira de mostras e o pavillón co sistema de saneamento que conduce as augas residuais de Ferrol e de Narón cara á depuradora. Ademais incidiu na importancia desta serie de proxectos planificados para mellorar a calidade das augas da ría de Ferrol, executado por fases, e ao que a Xunta contribuíu coa achega de 115 millóns de euros.

DETALLE DAS ACTUACIÓNS

Xa en 2021 culminaron as obras de saneamento da Malata, cun orzamento autonómico de 7,3 millóns de euros; pero evidenciouse a necesidade de realizar unha actuación adicional para conectar a ese sistema a marxe esquerda do río Sardiña. Coas actuacións actualmente en execución, preténdese solucionar os problemas da cunca fluvial, que ten unha rede de saneamento unitaria na que moitos colectores teñen deficiencias e derivan en verteduras.

Para solucionar estas carencias proxectouse un colector interceptor na marxe esquerda do río, que parte na ponte da Malata e chega ata as proximidades do estadio, onde conecta coa rede de saneamento recentemente executada, que logo deriva as augas ata a depuradora de Cabo Prioriño para o seu tratamento.

Trátase dun colector unitario que funciona por gravidade, cunha lonxitude de 574 metros e un diámetro de 1.200 milímetros e con 13 pozos prefabricados. A actuación complétase cun ramal, un colector secundario tamén unitario, con 120 metros de lonxitude e 315 milímetros de diámetro, que inclúe neste caso 7 pozos.

Esta actuación do río Sardiña está proxectada para servir unha poboación de 1.400 habitantes equivalentes, como limiar máximo en época estival, e no ano horizonte de 2045. Segundo informou a titular en funcións de Infraestruturas e Mobilidade, as actuacións xa están executadas no 95% do colector principal e queda pendente o treito final, que se corresponde co cruzamento coa estrada provincial e a reposición dos pavimentos. Unha vez completado este colector principal, executarase o ramal secundario que transcorre baixo esa vía.