Domingo. 05.05.2024

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade licitou as obras de mellora do firme de varias infraestruturas viarias en sete concellos da comarca de Ferrolterra. Máis concretamente, as intervencións terán lugar nas estradas autonómicas AC-110, nos concellos de Cerdido, Moeche e As Somozas; AC-564, ao paso polos municipios da Capela e As Pontes; e AC-566, os concellos de Valdoviño e de Cedeira; e contan cun orzamento de 1.494.656 euros. A data límite para presentar as ofertas empresariais a este contrato é o 27 de marzo e a Xunta pretende adxudicar os traballos no mes de maio para iniciar as obras en xuño, contando cun prazo de execución de 5 meses. Deste xeito, o trámite alixeirarase xa que todas as obras están incluídas dentro da franxa de dominio público e non implicarán expropiacións.

A intervención das estradas consistirá na rehabilitación localizada do firme mediante fresado e reposición da capa de rodaxe e posterior repintado das marcas viarias. Nos treitos en peor estado, selaranse as fendas e fisuras nunha anchura mínima de 5 cm e un mínimo de 3 mm de espesor. En canto ás zonas con accesos a vivendas, aparcadoiros e bordos con rasante da estrada xa elevada, executaranse fresados localizados de 5 centímetros a carril completo. Ademais, naqueles tramos onde se realicen actuacións de recrecido e haxa moitas gretas no pavimento, aplicarase en quente un produto de selado sobre as fisuras de anchura non inferior a 5 cm e espesor non inferior a 3 mm.

As actuacións completaranse co pintado da sinalización horizontal e os treitos de barreira de seguridade que sexa preciso. Tamén se procederá ao repintado dos quilómetros 10+750 a 10+900, e do 18+320 ao 18+420 na estrada AC-110; e entre os puntos quilométricos 2+220 e 2+750 na AC-566.