Martes. 30.04.2024

O Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol xa se alimenta na súa totalidade coas novas liñas do subministro eléctrico dende os novos espazos no andar -2 do novo edificio sur, cumprindo o estipulado no Plan Director. Para facelo posible realizouse un retranqueo de liñas, é dicir, a desconexión e reconexión progresiva das diferentes liñas do centro hospitalario dende os cadros vellos aos cadros novos.

O Servizo de Mantemento do CHUF aglutinou e coordinou o groso destas accións en xornadas concretas entre os meses de xaneiro e febreiro, aínda que os traballos comezaron o pasado novembro. As actuacións centráronse nos quendas de madrugada para minimizar as interferencias na actividade diaria do centro hospitalario.

Con este cambio de subministro eléctrico ao novo edificio, procedeuse á demolición do antigo centro de transformación e do espazo onde estaba o grupo electróxeno, que dá reserva e seguridade por se falla algo no funcionamento habitual de subministración. Así pois, tamén se trasladou este grupo electróxeno ao andar -2 do novo edificio. A demolición prolongarase durante o mes de marzo, permitindo que sigan a medrar os novos módulos do edificio sur do Plan Director.