Venres. 03.05.2024

O líder do Partido Popular de Santiago, Borja Verea, propuxo a creación dun Consello Municipal da Infancia para facilitar a participación da veciñanza máis xove no desenvolvemento municipal. Segundo o popular, “o Concello debe comprometerse coa infancia, coidar das nenas e nenos composteláns, procurar a mellora do seu benestar e calidade de vida, ademais de fomentar a súa participación e compromiso”.

Neste sentido, Verea resaltou a capacidade da infancia de influír na súa contorna, defendendo a necesidade de facilitar que se escoite a súa voz a través dun órgano de representación, consulta e participación do Goberno municipal para asuntos que afecten directa ou indirectamente á poboación infantil. “Un espazo activo que teña como obxectivo avaliar, suxerir, propor ideas sobre asuntos que afectan a cuestións individuais e colectivas da poboación infantil, co fin de chegar a obxectivos comúns”, remarcou.

Así, o obxectivo deste Consello sería crear un marco que facilite a implicación dos nenos e nenas, permitindo que expresen as súas inquedanzas, intereses e necesidades, ademais de facilitar o intercambio de información dirixida ás entidades do tecido asociativo, especialmente as configuradas para a defensa dos intereses concretos da rapazada, e axudando á coordinación entre os diferentes axentes implicados.

Finalmente, o líder do PP compostelán salientou que a participación infantil está respaldada pola Convención sobre os Dereitos da Infancia, aprobada pola Asamblea Xeral das Nacións Unidas o 20 de novembro de 1989, que establece que os nenos e nenas son suxeitos de dereitos que se deben blindar cun marco de interrelación coa poboación adulta, as institucións e a sociedade para que podan expresar a súa opinión respecto aos asuntos que lles afecten.