Domingo. 05.05.2024

O Partido Popular de Santiago esixiu ao goberno local do BNG a retirada inmediata da zona ORA nas rúas da contorna do Centro Hospitalario Universitario de Santiago, tras definir a medida como unha recadación “ruín”. Segundo os populares, tanto a veciñanza da zona como o persoal e usuarios do hospital mostraron o seu descontento co sistema de pago por estacionamento, vixente dende fai unha semana.

O concelleiro popular, Adrián Villa, alertou do “afán recadador da medida” e denunciou que a iniciativa está “pragada de chapuzas”, alegando fallos nos parquímetros e erros na aplicación móbil de pago da ORA, achacándoo a unha “clara falta de planificación, improvisación e descontrol por parte do goberno municipal”.

Segundo o edil, a veciñanza, traballadores e usuarios do CHUS advertiron que as prazas da zona azul quedan baleiras dende que deron comezo as sancións, supoñendo máis uso do aparcadoiro no interior do recinto hospitalario e o consecuente agravamento do problema de circulación. “Os usuarios que son atendidos nas instalacións sanitarias, por descoñecemento ou medo a ser sancionados se non poden saír renovar o tícket, tratan de aparcar dentro do propio ámbito do Hospital”, explicou Villa. Así, acusan ao goberno nacionalista de xerar un problema que antes non existía e de intentar aproveitarse dos usuarios do hospital.

A maiores, segundo indicou o concelleiro do PP, a veciñanza vese obrigada a desprazar os seus vehículos a zonas sen ORA, o que está a xerar desigualdade con outros barrios da cidade que contan con zona libre de ORA ou zona de residentes. Finalmente, Villa sentenciou que “toda a veciñanza compostelá ten moi claro que esta medida ten unha única finalidade; recadar”.