Domingo. 28.04.2024

A Deputación da Coruña, en colaboración co concello de Santiago de Compostela, conmemora o 187 aniversario de nacemento da escritora Rosalía de Castro coa celebración da sexta edición do Festival Rosalía. Unha quincena de actividades encherán a compostelá Praza de Mazarelos entre o venres 23 e o sábado 24 de febreiro, co fin de celebrar a potencia creadora na nosa lingua.

Baixo o lema Un grande atrevemento discorrerá esta nova edición do festival, que reúne poesía, escena, música, artesanía e narración oral para pór en valor a diversidade e a calidade da creación artística da nosa lingua e as novas dimensións que se lles outorga desde diferentes disciplinas tanto á figura de Rosalía como ao noso idioma.

DÚAS XORNADAS DE ACTIVIDADE 

Rosalía de Castro protagoniza un programa diverso con numerosas actividades. O venres 23 comeza o Festival Rosalía ás 17.00 h coa apertura da Feira de produtos con “marca Rosalía”. Media hora despois, ás 17.30 h, haberá un contacontos familiar Contos Somos fíos, somos fontes, somos regatos pequenos, a cago da Trastenda, que traza un percorrido pola traxectoria da poeta.

Ás 19.00 h, Rosalía de Castro e Eduardo Pondal, encarnados por Isabel Risco e Fran Rei, traerán unha peza que fusiona música, audiovisual, teatro e humor.

E xa ás 20.30 h é a vez de Indóciles, un proxecto multidicisplinar de Mónica de Nut, Vero Rilo e Nuria Vil, co que pretenden achegar ao público a obra de Luísa Villalta, autora homenaxeada no Día das Letras Galegas deste ano.

FESTA EN MAZARELOS 

O sábado 24 desde as 11.00 h poderase volver desfrutar da Feira de produtos con “marca Rosalía” e tamén comezarán os obradoiros de maquillaxe rosaliana e de xogos populares, que durarán todo o día. Ás 12.00 h terá lugar a primeira actividade do día, Ópera Break’s, un espectáculo que mestura canto lírico, break-dance, Beatbox e Dj ao unir en escena a soprano Esperanza Mara e os artistas urbanos do colectivo Vella Escola. A sesión vermú correrá a cargo de Luís Vallecillo, que actuará para o público familiar co seu espectáculo Cantamos con... Rosalía de Castro! ás 13.30 h.

Pola tarde, retómanse as actividades ás 16.30 h cun pasarrúas teatralizado da man do grupo Os Quinquilláns, que percorrerá a cidade nun circuíto circular. Esta ruta viaxará a 1880. Rosalía está a piques de abandonar Compostela e, na compaña do seu amigo Paz Novoa, pasea polo zona vella. Ás 17.00 h, terá lugar Contos nunha roda, sesión de narración oral baseado en Rosalía de Castro e nos seus Cantares gallegos. Media hora despois, ás 17.30 h, dará comezo o Quiz Rosaliano, concurso aberto sobre a escritora, onde o público poderá gañar algún dos paquetes de produtos rosalianos que se entregarán como recompensa.

Ás 18.30 h, a investigadora Pilar García Negro presentará, na compaña da editora Mª Carme Pérez-Sanjulián, o seu libro Intenso e solidario Feminismo. Estudios Rosalianos. Ás 20.00 h, Chan da Pólvora Editora reunirá no recital O atrevemento da voz nos versos a Rosalía Fernández Rial, Sol Mariño, Lúa Mosquetera e a xa amentada Nuria Vil. Actividade na que parten de diferentes poemas de Rosalía para levantar un recital no que a poesía está pensada para ser escoitada, mais tamén para ser vista.

E para lle pór fin á súa sexta edición, o Festival Rosalía despedirase ás 21.15 h coa actuación de Loita Amada, que presentará o seu traballo discográfico Rematou o simulacro.

Programa completo en www.i.gal/FestivalRosalia