Venres. 29.03.2024

A delegada da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, acompañada do xefe territorial de Infraestruturas, José Antonio Álvarez, visitou a vía de alta capacidade VG-1.2 ao seu paso por Fene e Mugardos, unha das catro vías da comarca en cuxa marxes o Goberno autonómico executará gabias de seguridade. A intervención tamén se levará a cabo na autovía AG-64 Ferrol-Vilalba, nos tramos correspondentes aos municipios de San Sadurniño e As Somozas e nas estradas AC-563 e AC-564, en Cabanas e A Capela.

A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia recolle o anuncio da Axencia Galega de Infraestruturas da licitación destas obras por un importe de 1.113.521,99 euros. As empresas interesadas teñen ata o día 16 de maio para presentar as súas ofertas e o prazo de execución é de seis meses.

As obras consistirán na transformación das gabias profundas actuais noutras de seguridade para o que se adaptarán as arquetas e sumidoiros e se recolocarán as barreiras de seguridade. Os traballos inclúen tamén a reconfiguración de illotes en glorietas, colocación de elementos de balizamento e renovación da sinalización vertical, rehabilitación do firme e repintado de marcas viarias.