Sábado. 27.07.2024

A Entidade Pública Empresarial Augas de Ames, EPEL, botou a andar o pasado mes de abril, logo de que a súa constitución formal fora aprobada en maio de 2023. Converteuse en realidade, xa que logo, case un ano despois. Fíxoo ademáis “con deficiencias”, segundo Espazo Común. Argumentan neste sentido que comezou a súa traxectoria cun consello de administración incompleto, contratando coa anterior concesionaria, e sin xerencia, ata o de agora.

Afirma este partido que o alcalde, en calidade de presidente do Consello de Administración da EPEL, vén de propoñer o nomeamento para o posto de xerente da exconcelleira de Podemos, Genma Otero. Espazo Común ten claro que estamos diante da “primeira porta xiratoria” no equipo de Blas García. Lembra neste sentido que non só está a propor a unha persoa que ocupou un cargo público ata hai moi pouco, senón que tamén é “a que menos puntuación acada en formación de todas as aspirantes ao cargo”.

Estamos, inciden desde Espazo Común, diante “dun traxe feito a medida revestido de legalidade, e máis se temos en conta que nas bases establecíase un máximo de 12 puntos para a experiencia en postos/cargos directivos dentro do sector privado a razón de 0,12 puntos/mes (equivalente a 8 anos), e 50 puntos polos servizos prestados en órganos superiores do sector público local, a razón 0,52 puntos/mes (equivalente a 8 anos)”.

Atrás queda, lembra, a aprobación dun código ético e de boa gobernanza, impulsado precisamente pola exconcelleira podemita. Un código ético que nun dos seus artigos fala de “absterse de promover calquera procedemento de contratación pública con persoas físicas ou xurídicas coas que mantivese algún tipo de vinculación laboral ou profesional nos últimos dous anos previos ao nomeamento”.

Para Espazo Común, de confirmarse o nomeamento estariamos diante dunha situación que podería derivar en conflictos de interese e falta de transparencia nas decisións que tome a EPEL. Algo, conclúe, que acabaría repercutindo na confianza da veciñanza.