Sábado. 27.07.2024

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado polo director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, fixo entrega dun camión Bomba Rural Pesada (BPR) ao Grupo de Emerxencia Supramunicipal (GES) do Concello de Brión, valorado nuns 259.300 euros.

O alcalde brionés, Pablo Lagos, acudiu ao acto de entrega acompañado polos concelleiros Carlos Noya, José Antonio Vidal e María Fariña e persoal responsable do GES do municipio. O rexedor agradeceu ao conselleiro a achega desta motobomba e lembrou que “para un concello pequeno como Brión é difícil manter un servizo como o GES, que actúa tamén noutros municipios que, quizais, deberían implicarse máis no seu financiamento e mantemento”. Neste sentido, lembrou que a Xunta de Galicia tamén entregou ao municipio nos últimos anos un furgón para atención de emerxencias e un moderno equipo de excarceración.

CARACTERÍSTICAS DO CAMIÓN

O camión conta cunha capacidade de 3.000 litros e bomba centrífuga con presión combinada e lanzamento de auga en baixa e alta presión. Están especialmente deseñados para o seu uso en todo tipo de terreo, polo que todas as súas rodas son motrices e cun nivel mínimo de emisións de CO2. Con capacidade para tres persoas, dispón dunha cisterna de auga de aceiro inoxidable e bomba centrífuga con presión combinada.

Ademais, cada vehículo conta cun completo equipamento entre o que figuran un cargador de baterías, botica de primeiros auxilios, dous focos portátiles con imán e cargador, unha escaleira extensible, 5 lanzas profesionais de 25 e 45 mm, 16 tramos de mangueiras de 20 metros de lonxitude e distintos diámetros, dous extintores de 6 kg, un proporcionador de escuma e un ventilador portátil con batería, entre outros elementos.

Con este novo vehículo, o GES de Brión mellorará a cobertura que presta a este municipio e aos de Ames e Negreira.

COMPROMISO DA XUNTA COS GES

 A Xunta mantén así o compromiso por mellorar o mapa de emerxencias da comunidade e, tal e como sinalou Diego Calvo, realiza un importante esforzo para dotar aos efectivos dos servizos de emerxencias dos concellos galegos dos recursos necesarios co obxectivo de que poidan levar a cabo as súas actuacións en condicións de seguridade, aumentando a eficacia na atención das incidencias e nos seus tempos de resposta.

A entrega do BPR ao GES de Brión forma parte do reforzo dotacional impulsado pola Xunta para apoiar o labor dos Grupos de Emerxencias Supramunicipais. De feito, o mesmo día fíxose entrega doutro vehículo igual ao GES de Monterroso e o pasado mes de marzo, ao GES de Maceda e un furgón de servizos varios ao de Lobios. Os GES de Mos e A Guarda tamén resultaron beneficiarios de furgóns destas características.

Neste sentido, nos últimos anos a Xunta investiu máis de 27 millóns de euros só en equipamento para servizos de emerxencias municipais da comunidade, tanto GES como Protección Civil. Ademais, segundo aclarou o conselleiro de Presidencia, o Goberno galego asume máis da metade do custo anual dos GES e dos consorcios provinciais contraincendios e salvamento, pese a tratarse dunha competencia local. Tamén financia os gastos de mantemento das Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil a través dunha orde anual que supón, de media, 340.000 euros ao ano e que este ano beneficiou a 191 entidades.