Xoves. 25.04.2024

O programa de mantemento dos 13  parques infantís do municipio de Fene estivo centrado nos últimos anos na súa conservación mediante limpezas periódicas e a reposición de elementos danados.  Ademais, atendendo á criterios poboacionais, tamén se levou a cabo unha progresiva mellora das instalacións para adaptalas á normativa sobre seguridade e accesibilidade, principalmente nos espazos lúdicos da zona urbana.

Agora tócalle aos parques da zona rural, onde se ben foron facéndose de ano en ano labores de conservación tamén cómpren melloras de maior calado. Neste sentido, o proxecto dirixido á rehabilitación dos parques da Hortiña e do Souto ocuparase de adaptalos ao decreto autonómico sobre normas mínimas de seguridade e de prevención de accidentes, no que se regulan entre outros aspectos  as condicións de accesibilidade, a obriga de usar un chan que amorteza posibles caídas, a sinalización do recinto ou os requisitos de marcado e seguridade de todos os xogos que se instalen.

Nos dous parques -situados ambos ao carón de bloques de vivendas- renovarase a superficie de caucho e eliminaranse barreiras arquitectónicas, equipándoos logo con enredos para distintas idades. 

A maiores, o da Hortiña, que actualmente está case baleiro de xogos,  levará unha randeeira de dúas prazas para crianzas de ata 5 anos, un balancín de madeira tratada, un cabaliño sobre un resorte, unha casiña-rocódromo e outra que combine trepacordas e tobogán. As obras de reparación tamén servirán para instalar unha varanda que separe a área infantil da beirarrúa e da estrada. Este lote está cuantificado en 24.179,50 euros.

No caso do parque do Souto existen dúas randeeiras -unha con bambáns individuais e outra de rede-, ás que agora se lles engadirán un xogo tipo barco de grandes dimensións e un novo tobogán, distribuídos polo espazo dispoñible. A reposición da superficie e o novo equipamento ten un orzamento de 29.861,66 euros.