Venres. 26.04.2024

O conselleiro do Medio Rural, José González, participou xunto coa directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, na entrega de case 1.600 títulos de propiedade da concentración parcelaria de Beán-Pereira II, no concello coruñés de Ordes. Desta forma, dáse por rematado este proceso, o cal supuxo un investimento por parte da Xunta de máis de 2,5 millóns de euros.

Esta parcelaria supuxo a reorganización dunha superficie de case 1.340 hectáreas, beneficiando a 827 veciños propietarios que viron como a superficie media das súas parcelas se quintuplicaba. Así, pasouse dunhas 9.000 parcelas iniciais a preto de 1.600 predios finais, o que permitiu mellorar a estrutura territorial das explotacións da zona e, por tanto, diminuír os seus custos de produción.

 Neste senso, o conselleiro sinalou que a través destes procesos conséguese paliar o minifundismo presente na comunidade galega, dende o punto de vista da estrutura da propiedade, polo que son unha ferramenta fundamental na reorganización do territorio. Precisamente, no concello de Ordes, o 70% da súa superficie xa está concentrado, destacou José González, ao tempo que dixo que en preto de 6.000 hectáreas se entregaron os correspondentes títulos de propiedade e noutras 5.000 ha os veciños xa puideron facer uso dos novos predios de substitución.