Xoves. 28.03.2024

O delegado do Goberno en Galicia, José Ramón Gómez Besteiro, reivindicou na súa toma de posesión a “política para as persoas”, baseada na cooperación, no diálogo e na defensa do interese común. No seu primeiro discurso como responsable do Goberno en Galicia, Gómez Besteiro avogou pola “política que sirve para remover obstáculos, corrixir inxustizas e facer unha Galicia e unha España máis xustas”.

Na súa intervención, o delegado do Goberno na Comunidade, repasou as prioridades cara esta nova etapa, na que se comprometeu a facer da delegación “un Goberno a pé da rúa, lema que impulsou na campaña electoral Gonzalo Caballero as elecciós de Galicia no 2020,  que priorice na súa acción a proximidade coa cidadanía”. Tendeulle a man ao presidente da Xunta de Galicia para “facer política de verdade entre todas as administracións unha oportunidade histórica polos fondos do Plan de Recuperación do Goberno”.

ACTO DE PROMESA DO CARGO

José Ramón Gómez Besteiro prometeu o seu cargo sobre o artigo 14 da Constitución que proclama a igualdade perante a lei, nun acto institucional que contou coa presenza do presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, o ministro de Sanidade, José Miñones e o secretario de Estado de Política Territorial, Alfredo González. Xunto a eles, asistiron os máximos responsables de institucións políticas, xudiciais e militares de Galicia: presidente do Parlamento, presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e fiscal superior e o xefe do mando de Apoio á Manobra do Exército de Terra. Tamén os subdelegados do Goberno e responsables de organismos estatais en Galicia.

No que respecta á administración local, estiveron presentes no acto os presidentes das Deputacións Provinciais; alcaldes e alcaldesas de cidades e concellos das catro provincias. Tamén asistiu unha representación dos deputados e deputadas; senadores e senadoras; e deputadas e deputados do Parlamento de Galicia.

No acto estiveron representantes de colectivos culturais de Galicia, como o presidente da Real Academia Galega; así como de outras institucións profesionais, medios de comunicación e colectivos de distinta índole.