Sábado. 27.07.2024
  • Un ano despois da toma de posesión, que obxectivos de lexislatura están xa cumpridos nestes últimos 12 meses?

  • O balance é moi positivo. Frades é un dos concellos de Galicia que máis inviste en Servizos Sociais e somos coñecidos por ser municipios pioneiros á hora de poñer en marcha servizos gratuítos como o bono-taxi para desprazarse aos centros de saúde, o empréstito de axudas técnicas, o servizo de estimulación cognitiva para persoas con demencia ou enfermidades neuroxenerativas que se unen a outros que levan máis dunha década funcionando con éxito como son podoloxía, perruquería e fisioterapia a domicilio. Pois ben, este mes puxemos en marcha un novo programa de axudas para persoas que precisen gafas, audífonos ou un tratamento bucodental, con axudas entre os 500 e os 2.000 euros para as rendas máis baixa. O ano pasado investimos 350.000 euros na construción do centro sociocomunitario e estes primeiros meses están a ser todo un éxito de participación, cunha programación estable de talleres, obradoiros e bailes para todas as idades. Tamén destacaría a inversión en estradas e beirarrúas de algo mais de 600.000 € en 2023 e os 290.000 € licitados para mellora das nosas pistas, tanto en aglomerado, asfalto como en zahorra. E conseguimos poñer en marcha o procedemento de licitación da senda peonil entre Ponte Carreira e Aiazo, na DP 3018. Unha inversión de máis de medio millón de euros. No apartado de medio ambiente, compramos unha rozadora co Concello de Ordes e adquirimos unha furgoneta eléctrica para labores de Mantemento Ambientais. Tamén repartimos máis de 100 composteiros, instalamos contedores de recollida de aceite vexetal en todas as parroquias e o mantemos as nosas áreas recreativas é prazas públicas durante todo o ano.

  • Que iniciativas vai poñer en marcha o seu equipo de goberno a curto e medio prazo?

  • A principal será a mellora e ampliación da ETAP de Ponte Carreira par a poder aumentar a cantidade de auga potabilizada en todo o municipio, onde xa temos o 99% do concello con posibilidade de conectarse á rede municipal de augas. O convenio roldará os 400.000€, dos cales a Xunta vai aportar o 80% e o Concello o resto. Despois está a posta en marcha das obras da senda peonil entre Aiazo e Ponte Carreira, que o vindeiro 30 de abril convocará aos propietarios para falar das expropiacións. Un paso moi importante xa que a Deputación e os partidos da oposición querían que os propietarios cederan gratis os terreos, o que suporía un agravio comparativo cos veciños de Marzoa, que si cobraron por estas expropiacións na mesma estrada.O Concello de Frades conseguiu 50.000 euros para expropiacións e que os traballos se acometan nunha mesma anualidade, para que a actuación poida entrar en funcionamento completa e non por etapas como querían outros.

  • Cales son os principais problemas que ten a vila nestes últimos tempos?

  • Un dos problemas que máis preocupa á nosa veciñanza é o sanitario. Dende o Concello tivémolo moi claro dende o principio: dous médicos/as en Frades xa! Mentres uns se mobilizaban na busca de votos, no Concello traballamos para solucionar o problema. E despois de meses de reunións, solicitudes, xestións, entrevistas… podemos asegurar que o obxectivo dos dous médicos está conseguido. O centro médico de Ponte Carreira xa conta cunha nova doutora titular e as baixas da doutora de Abellá serán cubertas sempre polo mesmo facultativo. Ademais, no próximo mes de maio imos investir 50.000 euros en eliminar as humidades do centro de saúde de Ponte Carreira e do consultorio de Abellá, para poder atender aos pacientes nas mellores condicións. No caso de Ponte Carreira, as obras inclúen o cambio da cuberta polo que manteremos a atención médica grazas a un tráiler especial que a Consellería de Sanidade desprazará a Frades durante os meses de maio e xuño.