Sábado. 27.04.2024

O concello de Arzúa, ratificou o compromiso do Ministerio de Transportes para executar nas vindeiras datas a mellora integral da travesía da estrada N-547 ao seu paso polo casco urbano de Arzúa.

O compromiso da mellora da seguridade e do estado do firme nunha das vías que soporta na actualidade un maior tránsito de vehículos no municipio foi unha das preocupacións que xa no mes de novembro do pasado ano adquiriu o alcalde de Arzúa, José Luis García, e a concelleira de Obras, Begoña Balado, nun encontro mantido na Subdelegación do Goberno na Coruña coa súa responsable, Pilar López-Rioboo e co Xefe de Demarcación de Carreteras do Estado en Galicia, Ángel González del Río.

O proxecto de mellora e acondicionamento, agora en fase de redacción, permitirá solucionar definitivamente os problemas que esta estrada sempre acarreu dende o seu arranxo integral no ano 2010.

MELLORAS PARA INCREMENTAR A SEGURIDADE

A Demarcación de Carreteras do Estado en Galicia enviou ao concello información coas actuacións máis destacadas que se levan realizando no municipio en coordinación co goberno municipal.

Sinalan o pintado de bandas transversais de alerta, en decembro de 2020, nos pasos de peatóns con maiores riscos á seguridade vial. Existe tamén unha proposta de racionalización dos pasos de peóns actualmente existentes na travesía urbana. Esta proposta contempla a creación dun único paso de peóns na zona da Praza de Galiza, para o que se fai necesario a demolición dun tramo de zona axardinada e posterior pavimentación. Neste novo paso está prevista a semaforización e/ou o reforzo da iluminación peatonal nel.

Acordouse tamén a implantación de focos LED na sinalización vertical de 2 pasos de peóns; esta actuación executarase de modo conxunto coa racionalización de pasos citados anteriormente.

Executáronse actuacións de fresado e reposición (bacheo do pavimento) no tramo comprendido entre a casa consistorial e a oficina de turismo. Esta zona está pendente do repintado das marcas viais, previsto nas próximas semanas. No resto da travesía está prevista a execución dun selado de fisuras nas próximas semanas, en función das condicións meteorolóxicas.

Xunto con isto, existe o proxecto de rehabilitación de firmes da estrada N-547 (32-LC-7630) que inclúe a travesía de Arzúa, que se encontra en redacción na actualidade.

Dende a Demarcación de Carreteras do Estado en Galicia sinalan, ademais, os traballos realizados para a sinalización do núcleo de Oíns, así como a solución aos problemas de drenaxe pola presenza de encharcamento nalgún tramo da A-54, trala súa petición por parte do concello.