Venres. 26.04.2024

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, visitou Arzúa acompañado do portavoz municipal do BNG, Xoán Xesús Carril, e outros integrantes do BNG local, para abordar os graves problemas de seguranza viaria da N-547 ao seu paso por este concello.

Rego referiuse en concreto á apertura do tramo da A-54 entre A Lavacolla e Arzúa e ao aumento de tránsito que isto implicou “xerando un grave problema de inseguridade na travesía urbana da N-547, que tamén incrementou o risco de se produciren accidentes” sinalou o deputado nacionalista.

“O BNG vai levar ao Congreso iniciativas para que o Ministerio de transportes actúe de maneira inmediata mellorando a seguranza nesta vía, estabelecendo todas aquelas medidas de sinalización e de calmado do tráfico que fagan que as persoas poidan usar con maior seguridade e sen risco para a súa integridade física esta vía” avanzou Rego.

O portavoz municipal do BNG en Arzúa, Xoán Xesús Carril, lembrou que no tramo da travesía urbana no entorno da Praza de Galiza “nos últimos 10 anos téñense producido varios atropelos de peóns e, por máis que a veciñanza o reclama, nunca se tomou medida algunha” sinalou.

“Vai para 2 anos desde que se produciu a apertura deste tramo da A-54 e a situación agravouse ao pasar a soportar esta travesía moito máis tráfico, mais nin desde o goberno municipal nin desde Ministerio de Transporte se actuou nunca” explicou Carril.