Venres. 26.04.2024

O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, puxo ao Concello de Brión como exemplo de como os pequenos municipios poden aproveitar o Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia para avanzar na eficiencia enerxética e no aforro municipal. José Miñones desprazouse ata o Concello de Brión onde mantivo unha reunión co seu alcalde, Pablo Lago, e o equipo de Goberno para analizar os proxectos e propostas que presentou este municipio ás liñas abertas polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico.

 “En Brión comprobamos como o Goberno aposta pola mellora da calidade ambiental dos concellos, máis aló do peso demográfico que teñan”, indicou. Así, o Ministerio para a Transición Ecolóxica concedeu unha axuda de 151.1774 euros para que o Goberno local afrontara a renovación enerxética do alumeado da estrada xeral que cruza o Concello por Santa Minia/ Pedrouzos, Os Ánxeles e o Tremo.

 A subvención concedida costea  o 80% do total do proxecto e o Concello de Brión asume o 20% restante. A actuación inclúe a renovación dos 173 puntos de luz que iluminan esta estrada coa instalación de novos postes e a actualización dos cadros de mando eléctricos. José Miñones destacou que “grazas a estas actuacións o Concello de Brión consumirá  27.800 kv menos ao ano. Unha redución que reflectirá nun descenso na factura da luz que a administración local poderá dedicar a outros servizos ademais dunha redución da contaminación lumínica e das emisións asociadas á produción desta enerxía non consumida”.

 NOVO PROXECTO

 O delegado do Goberno puxo en valor a iniciativa do Concello de Brión de seguir a aproveitar as axudas do Goberno para avanzar no aforro enerxético. Así, coñeceu o proxecto que vén de presentar o Goberno Local ante o Ministerio para a Transición Ecolóxica dentro do programa DUS5000, pertencente ao  Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia. “Brión cumpre tódolos condicionantes para aproveitar estas axudas do Programa DUS5000”, lembrou o delegado. Esta convocatoria, e que dispón de 45 millóns de euros en Galicia, financiará actuacións promovidas polos Concellos do reto demográfico destinadas a promover as enerxías limpas e o aforro enerxético.

 O proxecto presentado por Brión ascende a máis de 2 millóns de euros cos que  busca completar os traballos de mellora e eficiencia do alumeado municipal coa substitución das lámpadas por tecnoloxía led e a instalación de equipos de telexestión nos cadros eléctricos. O delegado do Goberno destacou ademais que este proxecto permitiría ao goberno local aforrar mais de 132.000 euros anualmente en factura eléctrica. Por iso, e na actual coxuntura, valorou a decisión do Goberno de acelerar a tramitación destas liñas de axudas dedicadas á transición enerxética e as enerxías limpas, como as que benefician a Brión.